Sunday 28 de April de 2024

En marcha os preparativos para a demolición do edificio da rúa do Sol e a posterior reforma da ponte sobre o Anllóns


O Concello de Carballo ten preparado un plan de tráfico para tratar de minimizar as consecuencias dos cortes de rúas necesarios para acometer as obras

Dentro do plan de xestión do risco de inundación nas beiras do Anllóns que leva a cabo a Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Carballo, xa están en marcha os preparativos para a demolición do edificio da rúa do Sol que invade a canle do río e que xa fora adquirido polo concello hai máis de quince anos con esa finalidade. Augas de Galicia investirá agora 1,5 millóns de euros para acometer un proxecto que inclúe o derrubo do inmoble e de tres treitos de escaleiras, a reforma da ponte e a creación cunha canle de augas altas nese punto.

As obras foron adxudicadas pola Xunta de Galicia á UTE formada por Seranco SAU e Cycasa Canteras y Construcciones SA. O prazo de execución é de oito meses.

Estes primeiros traballos non se prevé que afecten ao tráfico rodado, pero nas vindeiras semanas será preciso realizar cortes que obrigan a reordenar a circulación. Neste sentido, desde as áreas de Planificación, Mobilidade e Seguridade tense elaborado unha proposta que inclúe as medidas necesarias para minimizar no posible os problemas de tráfico derivados do corte da ponte da rúa Sol e, nun futuro próximo, tamén da ponte da rúa Fomento, na que se acometerá outro dos proxectos do plan de xestión do risco de inundación.

Plan de tráfico
Carballo ten nestes momentos un volume de tráfico de paso moi elevado, tanto de turismos coma de vehículos pesados. Para cada tipo de vehículos estableceranse diferentes percorridos, que estarán sinalizados con paneis informativos e dirección nos accesos e principais cruces.

a) Tráfico pesado

O tráfico pesado supón un problema diario pola falta de alternativas como unha circunvalación. O peche da ponte da rúa do Sol suporá a prohibición total de entrada de vehículos de máis de 5T na zona urbana, agás aqueles que se dirixen á avenida de Razo, por non dispoñer doutra opción, e dos autorizados para carga/descarga ou transporte público.

Os percorridos propostos para o tráfico pesado son:
• DP1905/DP1914 – Rotonda da Milagrosa – Av. Fisterra – Av. Revolta – AG-55
• Polígono – AG-55 – Av. Revolta – Av. Fisterra – Av. Milagrosa – Rotonda Milagrosa- DP1905/DP1914

As alternativas xa foron comunicadas á Dirección Xeral de Tráfico para que se inclúan nos dispositivos de navegación e os condutores sexan redirixidos mesmo antes de entrar na zona urbana.

b) Tráfico de turismos e furgonetas
Permítese a circulación en casco urbano pero deséñanse os seguintes percorridos para redirixir o tráfico de paso polas vías de maior capacidade:

• Os vehículos procedentes de DP1905 e DP1914 dirixiranse cara Av. Milagrosa – Río Anllóns – Av Fisterra – Vicente Risco – Luis Calvo- Perú (rotonda Ponte da Pedra).
• Os vehículos procedentes de Vila de Negreira ao chegar á rotonda dirixiranse por rúa Sol (os que vaian cara Malpica) e por Santa Ana, San Martiño, Río Miño para os que se dirixan cara DP 1905/DP1914.

Para evitar o colapso do cruce Río Miño/San Martiño prohibirase a entrada de vehículos procedentes da Av Milagrosa en Río Sil e Río Miño e modificarase o cruce de Río Miño con San Martiño obrigando ós vehículos procedentes de Río Miño a xirar cara o San Martiño, priorizando o tráfico procedente de rúa Santa Ana.

No cruce de Río Anllóns con Río Miño prohíbense os xiros á esquerda tanto para os vehículos procedentes de Río Anllóns coma para os procedentes de Río Miño. Así mesmo, instalarase unha rotonda provisional na Av. da Milagrosa na confluencia con Río Miño para mellorar a fluidez do tráfico de saída de Río Miño.

c) Autobuses
a) Os procedentes de DP1905 e DP1914 deben redirixirse cara a estación de autobuses e dende alí cara o centro de saúde por Luis Calvo – Perú. O regreso será pola mesma vía.

b) Río Anllóns, Santa Ana e Sol

As empresas de transporte que operan no concello xa foron informados sobre as alternativas segundo as rutas a realizar, con especial incidencia no transporte escolar.

d) Peóns
O corte da ponte da Milagrosa tamén vai supor a falta de conexión de parte do barrio co centro urbano, e unicamente a ponte do San Martiño vai a servir de nexo, polo que haberá sinalización avisando do desvío peonil.

Desde o Concello de Carballo agradecemos a paciencia e a colaboración da veciñanza. Agardamos que o desenvolvemento das obras sexa rápido e que a coincidencia dos traballos nas pontes da rúa Sol e da Casilla sexa o menor tempo posible.